XVII TORNEO LA MARINA – EL HUERTO DEL CURA

O venres 11 foi un día memorable para o xadrez vilagarcián: foi o día no que comezou o circuito nocturnos. E coma sempre, o torneo da Mariña, este ano patrocinado pola Huerta del Cura, foi o punto de partida.
Colleunos un pouco a contrapé por ser o primeiro, estar a casa da xuventude fechada polas tardes, ter as maletas de reloxos e xogos xa na casa… A cousa foi que estabamos sen os números, e tivemos que, despois de ter todo montado, ir nun intre a casa a imprimir unha serie de números.
Porque facían falta, fomos moitos os afeccionados que nos xuntamos na Mariña. Contabamos con 42 xogos e acabamos sendo máis de 90. Foi necesario ir pola mañá por uns 5 taboleiros a maiores e algúns reloxos para dar servicio a tanto xogador.
Entre os participantes houbo moitos cativos que aguantaron moi ben hasta media noite, pero xogando uns con outros, preto dos pais, e botando algunha partida cada media hora tiveron unha noite na que gozaron e romperon as rutinas do verán.
A tarde e noite foron moi agradable, sen excesos de temperatura e algo fresca segundo iba entrando a noite. Na entrega de premios xa se vían moitos suadoiros e chaquetas. Pero á calor da amizade as rondas e a noite foron pasando ledamente.
Rematamos sobre a unha e na entrega de premios estivo con nós o xerente lo local patrocinador. Abriran hai uns meses e quedaron sorprendidos ca gran cantidade de xente que se xuntou, ben para xogar, ben para estar entre amigos.
En canto á competición, despois das 7 rondas a 10 minutos sen incremento, poderíase facer un libro cheo de historias entre as partidas botadas a perder, as gañadas sen querer, as táboas entre cabaleiros, os encontros entre vellos compañeiros (e entre cativos), os que viñan de estrea…

Pero había que repartir uns trofeos, e esta vez foron para David Castro, do Xadrez Mos, campión desta edición. O subcampión foi Manuel Prieto, chegado de Extremadura, do Magic. O terceiro clasificado foi o noso xogador Luca Rei, o cambadés que acadou a mellor clasificación do club. O tamén cambadés Alejandro Prado, malia que xoga no Dorna, foi o cuarto clasificado.

E o quinto trofeo que se deu foi para Andrea Dorado, a nosa compañeira do club quen ademais levou para casa o trofeo de campioa feminina.

Por grupos de idade, fíxolle moita ilusión a Evaristo que o trofeo ó mellor vetarano fora para Tony, compañeiro de equipo na liga. Os seguintes veteranos foron Nené e Luis Pardo, que como non tiveron que agardar polo fillo, e por seren xa maiores, tiveron que marchar e recolleulles os trofeos Luis Diéguez.

No grupo dos sub18 o mellor clasificado, e sexto na xeral, foi Iván Sánchez, da EX Compostela. Mateo Pena, do Xadrez Mos, e Noé Diz, do CA Padrón compartiron o podio con Iván. E entre os máis cativos os que fixeron mellor torneo foron Telmo Vicente, do Xadrez Rianxo, Liam Puceiro, compañeiro do noso club, e Yago Brea, do Xadrez Mos.

E con isto e un agradecemento ó Huerto del Cura, o noso patrocinador, e a Lucas Abal, o noso árbitro, recollemos todo e quedamos citados para os vindeiros torneos. Entre os nosos, ademais dos outros nocturnos que quedan, queremos salientar a II Romaría Xadrez Viking Rise, que organizaremos en Catoira o vindeiro sábado 26, e onde contamos con volver a vernos todos, e ainda máis.
