«

CAMPIONATOS PROVINCIAIS Pontevedra 2026

Remataron os provinciais tras o segundo fin de semana, uns días fríos pero polo menos non choveu e os rapace aproveitaron entre partidas para sair da Peixería e xogar na rúa semipeatonal. Tivemos sorte de que a choiva deu un descanso, porque tanto os días anteriores como a semana seguinte foi un non parou de chover: a fin de semana foi como unha illa senlleira rodeada de semanas de choiva.

En canto a competición, foi moi numerosa a presencia de xogadores, máis de 150 inscritos no segundo fin de semana. E canda eles viñeron moitos acompañantes, os pais dos máis pequenos e afeccionados que non puideron competir. Entre elas a WIM Karen Zapata.

Podio sub10

A primeira categoría en acabar foi a sub10. A idade e as presas en mover ainda se notan. O campión foi Pablo Lomba, do CA Laroca, quen non perdeu un punto dos 7 en xogo. Tras el quedou Martín Lema, con 6 puntos ó perder só na quinta ronda contra o que veu ser o campión.

Tras eles e con 5’5 puntos estiveron dous compañeiros do Xadrez Mos, Martín Solla e Leo González. E xusto a continuación Miguel Freijeiro, o mellor clasificado do CX Fontecarmoa. Entre os 10 primeiros tamén se clasificaron Sabela Cores (7ª e campiona feminina) e Liam Puceiro (10º).

Podio sub14

A categoría sub14 estivo moi disputada, e igual que sub16 a fin de semana pasada, con retrasos nalgunha rondas. Dos 6 puntos en xogo David Alvarez, do CA Lucena, conseguiu 5’5 tras ceder só unhas táboas frente a Miguel Casado, o nº 1 do orde de forza. Miguel rematou invicto tamén, pero o ceder outras táboas fronte a Martín Moreira ficou no segundo posto.

A terceira clasificada e campiona feminina foi Alicia Castillo, xogadora da EX Pontevedra. Só perdeu un punto, fronte o subcampión. O mellor clasificado do CX Fontecarmoa foi Ero Carballa, no 15º lugar e 3 puntos. Os mesmos puntos acadaron Lois Roo (xogando unha partida menos), Alex Villanueva e Alvaro Marful.

Podio sub18

A categoría sub18 foi menos numerosa, como ven sendo habitual, ainda que unha ducia de xogadores inscritos había tempo que non se vían en Pontevedra. O acabar houbo un empate a 5 puntos enre Mateo Rey (CA Lucena) e o xogador local (residente en Cambados) César Oubiña. Os cruces fixeron que non xogaran entre eles na derradeira ronda e os desempates fixeron que Mateo fose o campión, quedando segundo César, ambos os dous invictos e con dúas táboas.

Mateo Pena, o xogador do Xadrez Mos, foi o terceiro clasificado con 4 puntos tras perder na última ronda contra César. Os mesmos puntos tivo Ricardo, o irmao de Oubiña, que só perdeu na 5ª ronda contra o campión.

Podio absoluto

Na categoría absoluta retomou a competición tras xogar as catro primeiras rondas o domingo pasado. Na quinta ronda Bernardo Rebollo reconquistou o primeiro posto tras vencer a Miguel Palacios, nunha partida na que tiña vantanxa Miguel pero o tempo xogoulle unha mala pasada.

Bernardo gañou tamén a seguinte partida pero na 7ª perdeu contra o FM Manuel A. Fungueiro, quen no abandonou a cabeza da táboa e cunhas táboas na derradeira ronda fronte ó CM David Torres conseguiu o campionato con 6’5 puntos. Os mesmos que tivo Bernardo, relegado o subcampionato polo enfrontamento directo e empatados nos dous Buchholz.

O terceiro clasificado foi David Torres con 6 puntos. Medio menos tivo o mellor clasifciado do CX Fontecarmoa, Bosco, que volve competir en Galicia e non daba crédito: botaba de ledicia o acabar o torneo con 5’5 puntos.

Entre os dez primeiros tamén están Andrés Varela e Andrea Dorado, campiona feminina, con 5 puntos, os mesmos que Oscar Victorero.

E coa entrega de premios remataron os Campionatos Provinciais de Ponvevedar 2026. Agora a vista está posta na liga, que comeza o vindeiro sábado. Coma sempre, desde o CX Fontecarmoa queremos agradece a participación de todos os xogadores e disculparnos polos erros que se cometesen. Tamén agradecer a colaboración na recollida do material, máis de 75 taboleiros e reloxos, 40 mesas e 200 sillas. E o concelleiro Carlos Coira que nos acompañou na entrega de premios, así coma a colaboración do Concello e a Fundación de Deportes.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.